Novas

Os Premios Mil Primaveras entregáronse na Igrexa do Convento de Santa Clara de Pontevedra

15/xuñ/2022

María da Pontragha cantando nun momento da gala a historia de Carmeliña do Cambeiro

O pasado sábado, 11 de xuño, a Igrexa do Convento de Santa Clara de Pontevedra acolleu a cerimonia de entrega dos III Premios Mil Primaveras, convocados pola CTNL coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e, para o acto de entrega, coa axuda tamén do Concello de Pontevedra.

Conduciu o acto a narradora María da Pontragha, que nos presentou entre historias e cantos os obxectivos dos premios e os proxectos recoñecidos nesta edición. Logo da lectura da acta pola presidenta do xurado, Inmaculada Seage Freire, sucedeuse a entrega dos seis premios concedidos:

 

Do berce á rúa

Mercedes Taibo, Paula Soto e Adela Pita

Como mellor proxecto estabilizado recoñeceuse o portal Do berce á rúa, que desesenvolve desde 2010 o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón. O xurado salientou que foi un dos primeiros espazos que se creou con recursos para a crianza en galego e serviu de modelo para un programa referente coma o Apego. Valorou tamén que os seus recursos son útiles tanto para as familias como para docentes, cunha interesante e variada compilación de recursos audiovisuais para a infancia.

Recolleron o premio Mercedes Taibo (concelleira de Ensino de Narón) e Adela Pita (técnica de normalización lingüística de Narón). Entregouno Paula Soto Viñas, técnica de normalización lingüística e vogal da CTNL.

 

CantáMOLA en galego

Fátima Rodriguez Ruibal e Demetrio Gómez Xunqueira

CantáMOLA en galego, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, foi escollido na categoría de mellor proxecto novo. O xurado destacou que é un proxecto que aborda a necesidade de visibilización da música en galego de todos os estilos. Valorou tamén que é unha iniciativa exportable a outras entidades e que dialoga co ensino, facendo chegar ao alumnado a riqueza musical en galego e favorecendo que asocien a lingua a un ámbito de gran valor para a mocidade.

Recolleu o premio Demetrio Gómez Xunqueira (concelleiro do Concello de Pontevedra) da man de Fátima Rodríguez Ruibal, docente e membro do xurado.

 

Twitter en galego e Instagram en galego

María Ortega e Carlos García Vieito

A mellor comunicación e impacto recaeu conxuntamente en dous proxectos irmáns: Twitter en galego e Instagram en galego. O xurado destacou a súa efectidade, a alta repercusión social e o traballo horizontal. Salientou tamén que son iniciativas que teñen incidencia no corpus e no status, a súa capacidade de adaptación ás circunstancias, o seu grande impacto e que son referentes para outras iniciativas.

Recolleu o premio Carlos García Vieito, impulsor de ambos os proxectos, e entregouno María Ortega, deputada provincial de Lingua de Pontevedra.

 

Somos xogo

Demetrio Gómez, Chus Caramés e Nerea Couselo

Somos xogo, de Xandobela. Educación e Cultura, recolleu o premio ao proxecto máis innovador. O xurado destacou del que é un proxecto aglutinador, transversal, que achega a tradición á actualidade e que asocia a lingua a un ámbito que valoramos positivamente, o xogo. Tamén salientou que é unha iniciativa que comparte contidos lúdicos e impulsa que se creen novos e que incide na promoción da nosa lingua no lecer e en espazos de socialización.

Recolleron o premio Chus Caramés e Nerea Couselo, integrantes de Xandobela. Educación e Cultura, e entregouno Demetrio Gómez Xunqueira en representación do Concello de Pontevedra.

 

Dicionario galego para boomers

Nel Vidal e Noemí García

O premio da categoría destinada á infancia e mocidade recaeu no proxecto escolar Dicionario galego para boomers, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo. O xurado salientou que é un proxecto que dá protagonismo e papel activo á xente nova e vincula o galego co moderno e o máis actual. Tamén destacou a eficiencia comunicativa a través das redes que manexa a mocidade, o coidado deseño, o interese que espertou dentro e fóra do ámbito escolar e que axuda a levar o ensino da lingua alén da aula tradicional.

Recolleu o premio Noemí García, coordinadora do proxecto, e entregouno Nel Vidal Barral, membro do xurado e coordinador do Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega, premiado na edición anterior.

 

Media Laranxa

Iolanda Fernández Casal e Noemí García

A cetegoría destinada á mellor iniciativa sectorial recaeu en Media laranxa. O xurado valorou que é un proxecto que demostra que o galego pode funcionar en igualdade nos espazos de moda, con gran repercusión nas redes sociais, onde busca o diálogo coas persoas usuarias, principalmente a través de xogos. Tamén valorou que consiga a colaboración de empresas e que poña en valor a riqueza dialectal, alén do emprego de soportes actuais, pois ten presenza en diferentes redes sociais.

Recolleu o premio Noemí García, creadora do proxecto, e entregouno Iolanda Fernández Casal, xornalista e membro do xurado.

 

Representantes dos proxectos premiados, organización, xurado e institucións

Pecharon o acto a presidenta da CTNL e os representantes institucionais, María Ortega, deputada provincial de Lingua, e Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro do Concello de Pontevedra, anfitrión do acto.

Na sección “Proxectos premiados” deste web están dispoñibles os proxectos escollidos polo xurado nesta terceira edición xunto cos recoñecidos nas dúas anteriores. Son en total 20 proxectos cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet.

 

Trofeos e diplomas

Os seis proxectos premiados recibiron un diploma deseñado por Gende Estudio e un galardón identificativo dos III Premios Mil Primaveras: unha peza artística elaborada en madeira e folla de millo, creada e elaborada á man por As Lolas da Cascarilla.

Todas as fotos do acto de entrega de premios foron cedidas polo Concello de Pontevedra.

 

 

Ligazóns

Noticias relacionadas