A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca os II Premios Mil Primaveras coa finalidade de recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a valorización e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio, en xeral ou en ámbitos determinados. Deste xeito, preténdese recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, valorar e difundir proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.
Poden optar a estes premios todas as accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio, en xeral ou en ámbitos determinados, que foron e/ou son desenvolvidos por servizos de normalización lingüística de administracións públicas e entidades privadas, por equipos de normalización e dinamización da lingua galega dos centros de ensino e por asociacións ou outras entidades públicas ou privadas, e que tivesen vixencia, total ou parcialmente, en 2018, 2019 ou 2020.
Nos Premios Mil Primaveras non se admiten proxectos sen executar. Tampouco se poden presentar aos II Premios Mil Primaveras proxectos recoñecidos na primeira edición.
Concederanse os seguintes premios:
A inscrición de proxectos para optaren aos premios debe facerse a través do formulario habilitado na pestana Inscricións.
A inscrición ten que facela a entidade responsable da acción, campaña, programa ou proxecto, que deberá detallar os aspectos técnicos da súa planificación, xestión, execución e avaliación. Cada acción, campaña, programa ou proxecto debe ser inscrito por separado pola entidade responsable, que poderá rexistrar cantas propostas queira, sempre que sexan da súa responsabilidade e cumpran cos requisitos da convocatoria.
No documento que describa o proxecto de forma detallada deben incluírse as seguintes epígrafes:
A inscrición de cada proposta faise de maneira xeral aos premios; polo tanto, non cómpre escoller categoría.
Os proxectos que sexan escollidos polo xurado publicaranse na sección Proxectos premiados tal e como foron subidos polas entidades responsables.
Logo da interrupción do prazo inicial para presentar proxectos, ábrese un novo período desde o 27 de outubro de 2020 até o 31 de xaneiro de 2021.
Os proxectos xa presentados no período inicial de inscrición manteranse como candidatos e non terán que inscribirse no novo prazo, salvo que as entidades responsables decidan modificalos ou actualizalos. Neste caso, terán que subir de novo o proxecto á plataforma e só se terá en conta a versión máis recente.
O xurado estará formado por técnicos/as de normalización lingüística e persoas con recoñecida capacidade en ámbitos como a planificación lingüística, a intervención social, a xestión de proxectos sociais e/ou a comunicación, e será nomeado pola CTNL.
O premio non ten dotación económica, senón que consiste no recoñecemento e difusión das campañas como modelos positivos para o traballo en normalización lingüística.
Se a situación sanitaria o permite, tamén incluirá a entrega dun galardón identificativo nun acto público que terá lugar nunha data e lugar que se determinará con suficiente antelación. A relación de proxectos premiados darase a coñecer con antelación a ese acto.