Os Premios Mil Primaveras nacen para recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que procuren pór en valor e fomentar a lingua e incrementar o seu uso e prestixio.
Con eles a CTNL pretende valorar e proxectar o gran labor que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poidan servir como modelo e inspiración para mellorar o traballo en normalización da lingua.
02/nov/2020
A Asociación Cultural O Bardo e o Concello da Estrada resolveron a trixésima edición dos seus premios de normalización lingüística. A Asociación Cultural Vagalumes e A Banda da Loba foron as entidades recoñecidas respectivamente nas modalidades de "A Estrada e comarca de Tabeirós-Terra de Montes" e "Galicia enteira". O acto de entrega terá lugar o 13 de novembro nunha rolda de prensa no Teatro Principal da Estrada.
26/out/2020
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) retoma o prazo de inscricións nos II Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, logo de interrompelo o pasado mes de marzo por mor da crise sanitaria e o estado de alarma. Os proxectos presentados no primeiro período de participación non terán que se inscribir de novo.
23/set/2020
A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) convoca por terceiro ano consecutivo o Premio Xela Arias, co cal busca recoñecer empresas, entidades ou persoas que destaquen pola promoción da tradución ou da interpretación cara a ou desde o galego.