O xurado da edición dos Premios Mil Primaveras convocada en 2025 reuniuse en liña na tarde do pasado 14 de abril e acordou recoñecer catro programas que fan partícipe a mocidade, reforzan o orgullo pola lingua e buscan mellorar a aprendizaxe e a calidade lingüística. Procuran ademais fornecer de recursos útiles e accesibles, asociar o idioma con valores positivos e crear espazos de lecer en galego.
Os Premios Mil Primaveras creáronse coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal valorizar e fomentar a lingua e procurar o incremento do seu uso e/ou prestixio. Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.
Nesta sétima edición concedéronse catro premios, sen xerarquías, entre proxectos que tiveron vixencia en 2022, 2023, 2024 e 2025. Foron recoñecidos os seguintes: As chaves da lingua (As chaves da lingua), Comando Le: grupo de activismo cultural de Espazo Lectura (Asociación Espazo Lectura), O Dépor é da Coruña (IES Rafael Dieste, A Coruña) e Revolta Galega (CPI As Revoltas, Cabana de Bergantiños).
As chaves da lingua é un proxecto didáctico e divulgativo en liña creado pola docente lucense Noemí García Rodríguez que busca mellorar as competencias lingüísticas, fomentar a reflexión e valorizar a riqueza e utilidade do galego, combinando rigor e claridade cun enfoque práctico e accesible.
O xurado valorou a súa orixinalidade, imaxe, calidade comunicativa e bo uso das redes sociais. Tamén tivo en conta a variedade de persoas destinatarias, tanto galegofalantes que queren mellorar o seu galego como persoas que descoñecen a lingua e buscan achegarse a ela. O seu enfoque práctico, próximo e comprensible facilita a aprendizaxe e a interacción e favorece que a calidade da lingua sexa maior. Por último, destaca que achega temas novidosos, potencialmente virais, que axudan a crear unha rede de persoas usuarias sempre pendentes dunha nova ensinanza ou curiosidade.
Comando Le é un grupo de activismo cultural nacido en 2012 dirixido a adolescentes de máis de 12 anos, concibido como un espazo de lecer, encontro e creación en lingua galega. Forma parte da serie de iniciativas da Asociación Espazo Lectura para o fomento da lectura e da lingua dirixidas a diferentes idades, desde os bebés ata o público adulto.
O xurado salientou que se trata dun proxecto que consegue involucrar os adolescentes máis aló do ámbito educativo, usando a lingua galega nun contexto de lecer. As persoas destinatarias, que son un público moi necesitado de ámbitos de uso da lingua, participan voluntariamente e son asemade impulsoras e colaboradoras, tanto no proxecto como no labor da asociación. Esta implicación entusiasta axuda a crear comunidade compartindo orgullo cos seus iguais e fortalece as relacións interpersoais en galego. Alén disto, trátase dun programa replicable e adaptable a outros contextos, tanto desde a iniciativa asociativa ou como con impulso institucional. Comando Le é a continuación ideal do traballo desenvolvido por Espazo Lectura durante 20 anos, con actividades dirixidas a nenos e nenas de diferentes idades que axudaron a crear o contexto propicio.
O Dépor é da Coruña é un proxecto derivado da campaña Aquí tamén se fala, ambos do IES Rafael Dieste da Coruña. Busca un cambio de gran relevancia no imaxinario colectivo da cidade herculina: a restauración do nome oficial ao Deportivo da Coruña. Parte dun centro con moito alumnado con orixes fóra de Galicia e procura reforzar a estima polo galego a través dunha iniciativa de grande impacto social.
O xurado destacou a forza simbólica e a repercusión social fóra do centro educativo, levando a reflexión sociolingüística á sociedade coruñesa no seu conxunto. A iniciativa, que chama á acción directa, colectiva e planificada, incide no sentimento de pertenza que xera o deporte para traballar a conciencia lingüística. Así mesmo, cunha excelente difusión, amplifícase noutros centros educativos, en persoas referentes e na sociedade en xeral. Constitúe ademais un exemplo óptimo da implicación do alumnado na identificación e planificación de obxectivos e no desenvolvemento de accións para acadalos.
Revolta Galega é un programa do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños. Ten como obxectivo traballar a dinamización lingüística no centro educativo de forma planificada e sostida no tempo, cunha programación gradual pensada para intervir durante todo o curso e en todas as etapas educativas. Procura o mantemento e o reforzo da lingua e o coñecemento de tradicións e referentes culturais que melloren o seu prestixio.
O xurado considerou un aspecto destacable deste proxecto que é un modelo integral de dinamización para todo o centro e en diferentes ámbitos: expresión oral e escrita, creación propia de contidos, relación coas familias ou tradicións. Axuda a afianzar a lingua en contextos galegofalantes e a reflexionar sobre a súa importancia social, patrimonial e cultural, co fin de transmitir orgullo. Son especialmente interesantes as accións que serven para dar a coñecer referentes galegofalantes de diferentes ámbitos (ciencia, música, literatura...), onde o propio alumnado participa activamente facendo entrevistas. Por último, o xurado destacou que é un modelo de traballo replicable e adaptable a outros centros educativos de contextos galegofalantes ou castelanfalantes.
Anxos Sobriño Pérez, Irimia Fernández Álvarez,
Beatriz Vilaverde Santamariña, Álvaro López García e Ana González Liste
O xurado da sexta edición dos Premios Mil Primaveras estivo formado por Beatriz Vilaverde Santamariña, técnica de normalización lingüística da Deputación Provincial da Coruña, como presidenta do xurado, Irimia Fernández Álvarez, creadora de xogos e responsable de Brazolinda (premiado nos VI Premios Mil Primaveras), Álvaro López García, responsable do proxecto Galego para peques (premiado nos VI Premios Mil Primaveras), Ana González Liste, xornalista en Praza Pública e vogal do Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia, e Marta Besada Otero, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago de Compostela, vogal da CTNL e responsable de proxectos premiados en anteriores edicións, como Elos. Engánchate ao galego, Galegoempresas, Enreguéifate ou Youtubeir@s), ausente na reunión do xurado por motivos persoais. Anxos Sobriño, vogal da CTNL, actuou como secretaria con voz e sen voto.
O xurado quixo recoller na acta que todos os proxectos presentados son valiosos e estimulantes para contrarrestar os preocupantes datos de uso da lingua. As persoas integrantes do xurado animan a continuar a traballar nestes e noutros proxectos e a presentalos de novo en edicións posteriores dos Premios Mil Primaveras.
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Desde este momento, os proxectos recoñecidos nesta edición xa están dispoñibles para a súa consulta detallada no sección Proxectos premiados e tamén se difundirán a través das redes sociais da CTNL. Alén disto, no vindeiro mes de xuño organizarase un acto público de entrega de premios.
Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.