Novas

O 13 de xuño entregamos os VII Premios Mil Primaveras en Pontevedra

08/xuñ/2026

Os Premios Mil Primaveras celebran o acto de entrega de galardóns da súa sétima edición o vindeiro 13 de xuño en Pontevedra.

Estes premios, creados en 2019 pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), teñen como finalidade valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo principal é o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Os seus obxectivos son:

  • Recoñecer o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística.
  • Transmitir unha imaxe positiva do labor de promoción do uso e prestixio da lingua.
  • Valorar externamente accións, proxectos ou campañas, seleccionar as mellores e sinalalas como modelos que poden ser imitados.
  • Difundir o traballo que se realiza a prol da lingua galega.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica: consisten no recoñecemento e na difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Con este fin organizamos un acto público de entrega de premios, que terá lugar o sábado 13 de xuño, ás 11.30 horas, no Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra, e que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Deputación Provincial de Pontevedra.

 

O acto de entrega

No acto de entrega recoñeceranse os catro proxectos escollidos na edición convocada no pasado outono: As chaves da lingua (un proxecto didáctico e divulgativo para mellorar a calidade lingüística), Comando Le: grupo de activismo cultural de Espazo Lectura (unha iniciativa dirixida á adolescencia para crear un espazo de lecer en galego), O Dépor é da Coruña (unha campaña que parte da mocidade para acadar un cambio simbólico na cidade herculina) e Revolta Galega (un programa de dinamización lingüística integral para o CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños).

O Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra (rúa de Alexandre Bóveda, s/n) acollerá a entrega dos VII Premios Mil Primaveras o vindeiro sábado, 13 de xuño, ás 11.30 horas. Este acto conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través do programa Culturea, e do Concello de Pontevedra.

A entrega destes premios é un evento público, de acceso libre ata completar a capacidade da sala.

 

Actuación de Iseo a Moura

O acto de entrega de premios será conducido por Iseo a Moura, narradora oral e cantautora.

A lseo Agilda sempre lle gustou cantar, facer cancións e contar historias. Filósofa de formación, encamiñou logo a súa vocación cara á educación ambiental e dende aí comparte a súa vontade de aprender a vivir dun xeito máis sostible, sinxelo e xusto a través de cancións, contos e actividades na natureza.

Integrante de Blues do País e Sacha na Horta, lidera o proxecto Måi, onde mestura música tradicional e electrónica. Nigredo é o primeiro traballo desta formación, onde colabora con Tomás Ageitos e está acompañada por Margarida Mariño ao cello.

Na mitoloxía galega encontrou as verdades que a filosofía non soubo nomear sen incorrer en contradicións, as leccións que o ecoloxismo non foi quen de comunicar e a fondura que a relixión traizoou a cambio do poder mundano. Atopou na figura da Moura un lugar máxico e estrañamente familiar dende onde comunicar o que máis lle importa. Dende as historias de personaxes como a Moura ou a Apalpadora fai chegar relatos doutros tempos que enchen os ocos do que vivimos. Esta é a maxia da Moura, tecer coas palabras contadas e cantadas a malla que a todas nos une.

 

 

Trofeo identificativo e diploma

Os catro proxectos premiados recibirán un diploma e un trofeo identificativo dos VII Premios Mil Primaveras (2025), que consistirá nunha peza artística elaborada por Artenanía Enxebre.

Artesanía Enxebre, de Valdeorras, é unha pequena empresa dedicada á fabricación e comercialización de produtos artesanais en madeira. As súas pezas caracterízanse pola calidade, exclusividade e durabilidade.

En Artesanía Enxebre consideran que a beleza e o valor dun obxecto artesanal residen na súa singularidade. Por iso, crean produtos únicos e personalizados. Cada peza é elaborada co máximo coidado e atención ao detalle, para que as persoas destinatarias poidan gozar dun produto artesanal da máis alta calidade.

A madeira, a súa materia prima, ofrece infinitas posibilidades de deseño e creatividade, a través do pirogravado, entre outras técnicas. Comprometidos coa sostibilidade e o respecto polo medio natural, utilizan nas súas pezas madeira procedente de bosques xestionados de forma responsable, e traballan para minimizar o impacto ambiental en todas as etapas do proceso de produción.

 

Difusión dos proxectos premiados

Na sección Proxectos premiados deste web están dispoñibles os 36 proxectos escollidos polos xurados das sete edicións destes premios, cunha explicación detallada da súa planificación, xestión, desenvolvemento e avaliación, ademais das súas necesidades técnicas e persoais e outros detalles como fotos, arquivos de vídeo e son e ligazóns a Internet.

Coa dispoñibilidade e difusión dos proxectos, a CTNL busca que poidan servir de modelo a iniciativas futuras de SNL, ENDLG, asociacións e outras entidades que promovan o uso e o prestixio da nosa lingua.

 

Os VII Premios Mil Primaveras (2025) promóveos e organízaos a CTNL co apoio económico da Deputación Provincial de Pontevedra. Para o acto de entrega dos premios, a CTNL conta ademais coa colaboración do Concello de Pontevedra.

 

Noticias relacionadas