Novas

Xosé Antón Gómez Segade recibe o II Premio Luís Porteiro Garea

18/set/2019

Gómez Segade logo de recibir o Premio Luís Porteiro Garea. Foto: Santi Alvite. USC.

Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, entregou o 16 de setembro o II Premio Luís Porteiro Garea, destinado a recoñecer a promoción e uso do galego na USC, ao profesor emérito e catedrático de Dereito Mercantil Xosé Antón Gómez Segade, quen destacou que “o galego é a nosa forma de estar no mundo, unha lingua vella e de moitas cores” que, malia atoparse afectada por moitos riscos e unha sensible perda de falantes, “aboiará pero non se afogará a pesar das tempestades”.

Gómez Segade manifestouse esperanzado ante a situación actual do galego e declarou que a defensa do idioma é un “deber para protexer a biodiversidade cultural”. Subliñou tamén non considerarse merecedor dun galardón cara ao que sente o máis fondo agradecemento logo de poñer, ao longo de toda a súa carreira, o seu modesto prestixio ao servizo do país.

Pola súa parte o reitor destacou a condición de Gómez Segade como “universitario con letras capitais”. Antonio López definiu ao premiado como un “pioneiro no uso do galego nas aulas que abriu todo un camiño para dos os que viñeron detrás”.

O xurado salientou na súa acta o compromiso do premiado “coa lingua na súa vocación de creador e, sobre todo, de transmisor do coñecemento do dereito, especialmente no eido da propiedade industrial, onde goza dun enorme prestixio e proxección internacional. Tamén o feito de que sempre utilizase o galego nas aulas, incluso en tempos en que esta opción supuña practicamente un demérito, o cal o converteu en referente lingüístico para centos de alumnas e alumnos que hoxe en día son profesionais da Xustiza, da Administración ou da empresa”.

 

Loa do premiado

Ramón Villares Paz, catedrático de Historia e ex reitor da USC, foi o encargado de realizar unha loa do premiado, na cal puxo o foco na condición de Gómez Segade como “exemplo de compromiso intelectual coa lingua, a cultura e as súas institucións”. Villares destacou que o galardoado traballou na creación de “persoas conscientes con obriga non só institucional, senón tamén, moral”.

 

Catedrático de Dereito Mercantil dende 1981 na USC, Gómez Segade despregou unha intensa actividade académica e de investigación, en particular en España, Portugal, Alemaña e nos Estados Unidos. Resultado dese traballo foron, entre outros, varios libros, máis de 130 artigos en revistas estranxeiras e nacionais, quince teses de doutoramento, participacións en cursos ou congresos.

Foi decano da Facultade de Dereito, director do Instituto de Dereito Industrial, vicerreitor da USC, membro do Consello Asesor de Investigación da Oficina Europea de Patentes-OEP ou membro do Comité Científico de denominacións de orixe da Unión Europea. Actualmente, dende 2009, é Membro da Academia Europea de Patentes da OEP, do Comité Executivo da International Association for Teaching and Research in Intellectual Property (ATRIP), e Vicepresidente do Xurado da Publicidade en Madrid.

Gómez Segade foi recoñecido co Premio Galicia de Investigación Montero Ríos concedido polo Goberno Autonómico Galego en 2002 pola súa traxectoria como profesor e investigador senior.

 

Ligazóns

Noticias relacionadas