Novas

II Premio Lingua e Empresa do Concello de Ames

25/out/2019

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do Departamento de Promoción Económica, convoca por segundo ano consecutivo o Premio Lingua e Empresa Concello de Ames. A través deste premio búscase recoñecer publicamente a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego no ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames.

 

QUE SE VALORARÁ PARA OUTORGAR O PREMIO?

De acordo coas bases, o xurado do premio valorará o uso da lingua galega tanto na comunicación externa como na interna (web e redes sociais, sinalética e comunicación do establecemento empresarial, atención ao público, campañas publicitarias ou materiais de promoción en calquera soporte). Tamén se terá en conta a comunicación interna co persoal ou entre os diferentes departamentos ou calquera outro mérito que a propia empresa queira salientar neste ámbito. Alén disto, será tomado en conta o impacto que a actividade empresarial poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.

Para a comprobación destes méritos, as empresas candidatas deberán indicar os enlaces de información correspondente ou achegar materiais impresos, e facilitaranlle ao Concello de Ames toda a información que lles requira sobre os usos lingüísticos na súa comunicación externa ou interna ou sobre a veracidade dos datos fornecidos na candidatura.

 

ENTIDADES DESTINATARIAS

Poderán optar a este premio as empresas que teñan a súa sede social ou un centro de actividade no Concello de Ames.

 

PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS

As candidaturas poden presentarse de xeito presencial ou telemático, cubrindo unha instancia xeral e achegando o modelo de ficha que pode ser descargado na páxina do procedemento.

Os lugares habilitados para presentar cantidaturas de xeito presencial son a Casa do Concello (Bertamiráns) ou nas oficinas municipais do Milladoiro, ambos en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres. A presentación telemática realízase a través da sede electrónica do Concello.

 

PRAZO

O prazo de presentación de candidaturas para optar ao II Premio Lingua e Empresa remata o 31 de outubro de 2019 ás 14.00 h.

 

PREMIO

A resolución do premio darase a coñecer de maneira pública entre o 15 e o 22 de novembro de 2019. Este recoñecemento irá acompañado dunha dotación económica de 2500 euros, ademais dunha campaña de difusión da empresa gañadora na Radio Municipal de Ames.

 

Máis información sobre este premio web do Concello de Ames.

 

Noticias relacionadas