Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega

Listaxe de proxectos

Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega

Para fomentar o galego desde un centro de ensino secundario con todo o alumnado confinado nas súas casas houbo que botar man da imaxinación e adaptarse ás circunstancias. Para iso deseñouse este Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega, que coincidiu en tempo e en fases co plan que o goberno do Estado deseñou nese momento para rematar co confinamento domiciliario ao que nos vimos obrigados/as pola pandemia do coronavirus.

O obxectivo deste plan foi a transición cara a unha nova normalidade lingüística. Foi un plan gradual, asimétrico e coordinado en catro fases, da 0 á III, a un ritmo medio de dúas semanas por fase, desde maio ata o final do curso escolar (finais de xuño). A fase 0, que foi a da preparación da desescalada, estivo dedicada á reflexión e incentivación (vídeos para pensar sobre a situación, crear un lema motivador para ter presente durante as outras fases...). A fase I, inicial, foi de descubrimento. A través de retos, xogos etc., dedicouse, principalmente, a descubrir o que tal hai na música en galego. A fase II, intermedia, foi de práctica interior, e o reto estivo en falar galego na casa (de onde o alumnado nese momento non podía saír...). Poderíase comezar de moitas maneiras, pero a proposta foi facelo cunha actividade na casa, en equipo, para todas as idades, na que hai que ir falando..., polo que comezamos por unha receita en familia. A fase III, avanzada, foi a de comezar a experimentar o desconfinamento tamén social, e facelo a través das redes, con propostas de retos en Whatsapp, Instagram, Tik Tok e vídeo.

A idea foi, polo tanto, incentivar a reflexión (fase 0), axudar a descubrir moitas cousas que hai en galego (I), probar a usalo na casa coa familia (II) e animar a empregalo nas redes sociais co mundo exterior (III), para que así se poida comezar a usalo, sen medo, cando se queira! En definitiva, este foi un plan para contribuír a que a rapazada poida comezar unha nova normalidade lingüística.

Edición: Segunda edición
Entidade: ENDLG do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo
Premiado na categoría: Premio ao proxecto máis innovador
Premiado no ano: 2020

Proxecto detallado

Ligazóns a vídeos

Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega
Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega
Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega
Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega
Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega