Novas

Chega a terceira edición dos Premios Mil Primaveras

02/nov/2021

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca unha nova edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego. Estes premios naceron co fin de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo principal sexa a valorización e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Para desenvolver esta iniciativa, a CTNL conta coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

Con este recoñecemento, a CTNL procura valorar e espallar o bo traballo que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, favorecer que sexa un labor máis apreciado e comprendido socialmente, e compilar accións, proxectos e campañas que poidan servir de modelo ou ser inspiradoras para novas accións.

Poden optar a estes premios todas as accións, campañas, programas e proxectos que teñan como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio e que foran desenvolvidas total ou parcialmente en 2019, 2020 ou 2021.

Non se admiten proxectos sen executar, nin se premiarán traxectorias de institucións, senón proxectos desenvolvidos nalgún/s dos anos indicados. Tampouco se poden presentar aos III Premios Mil Primaveras proxectos recoñecidos nas dúas edicións anteriores.

 

Categorías

Para abranguer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais, os premios contarán con seis categorías:

  • Premio ao mellor proxecto estabilizado: escollerase entre aqueles que se leven desenvolvendo durante, polo menos, cinco anos.
  • Premio ao mellor proxecto novo: escollerase entre aqueles nacidos en 2019 ou despois.
  • Premio á mellor comunicación e impacto: escollerase entre aqueles que acadasen un grande impacto social e que supoñan un modelo positivo de comunicación.
  • Premio ao proxecto máis innovador: escollerase atendendo á innovación da súa maneira de intervir, da súa linguaxe, do seu ámbito de actuación etc.
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade: escollerase entre aqueles que teñan como obxectivo principal a socialización en galego da infancia ou da mocidade, como poboación destinataria prioritaria na normalización lingüística para garantir o futuro da lingua.
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial (por exemplo, no ámbito socioeconómico, no das novas tecnoloxías, no audiovisual etc.): escollerase entre aqueles que teñan como obxectivo principal a procura do incremento do uso e/ou prestixio do galego nun ámbito sectorial concreto.

 

Presentación de candidaturas

A inscrición nos Premios Mil Primaveras é voluntaria e deberán realizala as entidades responsables dos proxectos, accións, campañas ou programas de normalización da lingua, pois só elas poden describir de forma detallada os aspectos técnicos da súa planificación, xestión, execución e avaliación.

A inscrición de proxectos farase a través do formulario da pestana Inscricións, que inclúe unha serie de datos obrigatorios: os básicos de identificación do proxecto, un resumo, unha fotografía de portada e un documento en .pdf que describa en detalle o proxecto. Este documento debe incluír polo menos as seguintes epígrafes:

  • Obxectivos xerais e específicos
  • Persoas destinatarias
  • Temporalización
  • Necesidades e recursos
  • Accións, medidas e actuacións concretas
  • Avaliación

Opcionalmente poden engadirse materiais que poidan servir para completar e exemplificar a descrición técnica: máis fotos, ligazóns a vídeos, a arquivos de son e outro tipo de enlaces.

A inscrición de cada proposta faise de maneira xeral aos premios, sen que sexa preciso escoller categoría. Alén disto, non hai límite no número de candidaturas que pode presentar cada entidade, sempre que cumpran as bases.

Os proxectos que resulten escollidos polo xurado publicaranse na sección Proxectos premiados tal e como foron subidos polas entidades responsables.

 

Prazo de inscrición

Do 3 de novembro de 2021 ao 31 de xaneiro de 2022.

 

 

 

 

 

Recoñecemento e difusión

Foto de grupo do acto de entrega da segunda edición dos Premios Mil Primaveras (Teatro Principal de Pontevedra, 5 de xuño de 2021)

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica, senón que consisten no recoñecemento e difusión das accións, campañas, programas e proxectos como modelos positivos para o traballo en normalización lingüística.

Tamén inclúen a entrega dun galardón identificativo nun acto público que terá lugar nunha data e lugar que se determinará con suficiente antelación.

 

 

As anteriores edicións dos Premios Mil Primaveras

Foto de grupo do acto de entrega da primeira edición dos Premios Mil Primaveras (Pazo de Cultura de Pontevedra, 21 de setembro de 2019)

Os Premios Mil Primaveras creáronse en 2019 e recoñeceron na súa primeira edición os seguintes proxectos:

  • Premio ao mellor proxecto estabilizado:  Modelo Burela (IES Perdouro, Burela)
  • Premio ao mellor proxecto novo: Falemos de ti e min: a cultura galega desde unha perspectiva integradora (IES de Soutomaior)
  • Premio á mellor comunicación e impacto: Desafío 48 h (IES María Casares, Oleiros)
  • Premio ao proxecto máis innovador: Proxecto Youtubeir@s (concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, Deputación Provincial da Coruña e universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo)
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade: Eu presumo de galego (IES de Melide)
  • Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial: GCiencia (Ciencia Galega Industrias Creativas, S.L.)

Na segunda edición os Premios Mil Primaveras foron para:

Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

 

Descargas

Noticias relacionadas